A CNMV e o Banco de España traballan co obxectivo de contribuíren á mellora da cultura financeira da cidadanía, dotándoa de ferramentas, habilidades e coñecementos para adoptar decisións financeiras informadas e apropiadas ao longo da súa vida.

Ambas as institucións asinaron o 19 de maio de 2008 un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun Plan de Educación Financeira a nivel nacional. O feito máis visible do plan é o sitio web www.finanzasparatodos.es, un portal de referencia a nivel nacional para toda a cidadanía en materia de educación financeira. Este portal ofrece información práctica e as ferramentas necesarias para a formación das persoas de todos os niveis culturais, sexan cales sexan os seus coñecementos previos sobre finanzas.

Pódense consultar os documentos que definen as liñas de acción básicas e as actuacións levadas a cabo polo plan, definidas para os ciclos:

O plan segue as recomendacións e os Principios de Alto Nivel sobre Estratexias Nacionais de Educación Financeira definidos pola OCDE/INFE (International Network for Financial Education) da OCDE e apoiados abertamente polo G-20 no cumio realizado en Los Cabos (México) en xuño de 2012.

No contexto do Plan de Educación Financeira realizouse a Enquisa de Competencias Financeiras (ECF), que mide o coñecemento e a comprensión de conceptos financeiros da poboación española de entre 18 e 79 anos. Esta enquisa está incluída no Plan Estatístico Nacional e presenta características relevantes que permiten unha descrición rigorosa e comprensiva dos coñecementos financeiros da poboación adulta en España e da súa relación co sistema financeiro.