Folleto informativo de valores

Emisións, ofertas públicas de venda e subscrición de valores (OPV/OPS) e admisións

O folleto informativo para a venda ou admisión de valores en mercados regulados é un documento que o emisor debe elaborar e publicar antes de empezar a venderlle os valores ao público ou de admitilos a negociación. Non obstante, a lei non require folleto en caso de ofertas privadas (por exemplo, as dirixidas a menos de 150 investidores ou as de valores cuxo valor nominal é de, polo menos, 10.000 €). Tamén prevé a lei excepcións á obriga de publicar folleto para certo tipo de ofertas públicas ou admisións (por exemplo, as dirixidas aos empregados da compañía ou as de accións entregadas gratuitamente aos accionistas).

O folleto debe conter toda a información necesaria para que os investidores poidan facer unha avaliación dos activos e dos pasivos, a situación financeira, os beneficios e as perdas, así como das perspectivas do emisor e eventualmente do garante dos dereitos inherentes aos valores. Debe ser aprobado pola CNMV con anterioridade á súa publicación; na súa revisión, a CNMV comproba que o folleto conteña todas as informacións requiridas pola lei que as ditas informacións sexan consistentes entre si e estean presentadas dunha forma comprensible.

Ofertas públicas de adquisición de accións (OPA)

O folleto é un documento que recolle a información necesaria (oferente, sociedade afectada, contraprestación ofrecida, condicións, finalidade da operación e procedemento de aceptación e liquidación) para que os destinatarios dunha oferta pública de adquisición de accións poidan tomar a decisión de aceptala ou non. Trátase dun documento oficial cuxo contido mínimo vén determinado pola normativa e está suxeito á aprobación da CNMV e posterior publicación polo oferente. Pode consultarse no sitio web da sociedade afectada e na da CNMV. Xunto co folleto elabórase un anuncio que contén os datos esenciais que consten no folleto da oferta.

Folleto de institución de investimento colectivo (IIC)

Documento informativo que recolle as características básicas dunha IIC (fondo ou sociedade de investimento). Trátase dun documento oficial, cuxo contido mínimo vén determinado pola normativa: política de investimento, tipo de fondo, evolución das rendibilidades pasadas, perfil do investidor obxectivo, réxime de comisións, etc. Segundo o seu contido, existen dous tipos: o folleto completo e o DFI (Datos Fundamentais para o Investidor). Este último debe serlle entregado ao investidor pola entidade comercializadora de forma gratuíta, antes da subscrición das participacións ou accións. Os folletos das IIC son revisados pola CNMV e poden consultarse nos rexistros públicos deste organismo e no sitio web da xestora.